Ir ao contido
Enxebre Traducións

PlayStation e PC (Linux) · 1999

Silent Hill

Outeiro do Silencio: o clásico do terror de PlayStation, en galego e con voces.

Sen probar por humanos

Probouse só o comezo: ata saír do café despois de falar coa policía e vencer o primeiro monstro, e arranxáronse os fallos que saíron. Aínda non se probou ata o final.

Capturas

Harry ve a Cheryl entre a néboa, ao comezo da historia
Harry ve a Cheryl entre a néboa, ao comezo da historia
As rúas baleiras de Silent Hill: os subtítulos van coa dobraxe galega
As rúas baleiras de Silent Hill: os subtítulos van coa dobraxe galega
O inventario: nomes, descricións e ordes en galego
O inventario: nomes, descricións e ordes en galego
O mapa de Silent Hill vello, coas rúas traducidas
O mapa de Silent Hill vello, coas rúas traducidas
Gardar partida, co tempo de xogo
Gardar partida, co tempo de xogo
Cargar partida: os avisos da MEMORY CARD tamén en galego
Cargar partida: os avisos da MEMORY CARD tamén en galego

Sobre a tradución

Silent Hill é o primeiro da saga: Harry Mason ten un accidente de coche á entrada dun pobo envolto en néboa e, cando esperta, a súa filla Cheryl desapareceu. Para atopala terá que percorrer as rúas baleiras, a escola e o hospital de Silent Hill.

Está traducido enteiro ao galego e tamén dobrado: cada personaxe fala coa súa propia voz galega, feita con IA, e os subtítulos van coas voces. Se prefires as voces orixinais, hai tamén paquetes só con textos: as voces quedan en inglés e todos os subtítulos en galego.

Mostra da dobraxe: Harry esperta no café e fala con Cybil, a policía.

Hai dúas versións, cos mesmos textos: un parche para o disco de PlayStation e un instalador para o port de PC en Linux, e cada unha vén con dobraxe ou só con textos.

Por que «Outeiro do Silencio»

A pantalla do título pon «Outeiro do Silencio», cun «Silent Hill» pequeno debaixo, porque nos fixo graza traducilo. É só iso: no resto do xogo o pobo chámase Silent Hill, como debe ser. (No paquete de PC, que segue na versión 0.9.2, aínda pon «Outeiro Silencioso».)

Na PlayStation

Escolle o parche de PlayStation con dobraxe ou o de só textos: cada un leva o ficheiro Silent-Hill-galego.xdelta, o .cue e un LEME coas instrucións. Aplica o parche á túa imaxe Silent Hill (USA).bin cun parcheador de xdelta, como Rom Patcher JS no navegador ou xdelta3 na terminal, chama ao resultado Silent Hill (galego).bin e déixao na mesma carpeta ca o .cue. Funciona en emuladores, como DuckStation, e na consola con calquera sistema que lea imaxes .bin/.cue.

No PC

O paquete de PC é para o port de Silent Hill feito a partir da descompilación do xogo de PlayStation, e precisa o teu disco americano. Os pasos para conseguir o port e instalar o galego están en «Como se instala», aquí debaixo.

Que está traducido

  • As voces, nos paquetes con dobraxe: unha dobraxe completa feita con IA, cunha voz galega para cada personaxe (Harry, Cybil, Kaufmann, Dahlia, Lisa e Cheryl)
  • Todos os diálogos e subtítulos, as notas, os libros e os quebracabezas
  • Os nomes e as descricións dos obxectos
  • Os menús: título, dificultade, inventario, opcións, gardar e cargar e a pantalla de resultados
  • A pantalla do título, os mapas coas notas de Harry, os consellos da pantalla de morte e os avisos da MEMORY CARD

Que queda en inglés

  • A frase do comezo do vídeo de introdución
  • Os textos debuxados nas imaxes de documentos, notas e etiquetas, e os nomes das tendas

Agradecementos

Como se instala

PC con Linux
  1. Se aínda non tes o port de PC, descarga SHPC-linux-x64.tar.gz da páxina de versións do port e descomprímeo onde queiras (por exemplo, en ~/Games/Silent Hill PC). Copia a túa imaxe Silent Hill (USA).bin dentro da súa carpeta gamedata e abre SilentHillPC unha vez para ver que arranca (precisa SDL2 e OpenAL, que case todas as distribucións traen de serie).
  2. Escolle un dos dous paquetes de PC, con dobraxe ou só textos, e descomprímeo onde queiras.
  3. Pecha o xogo.
  4. Fai dobre clic en instalar.sh (se pregunta que facer, escolle Executar). Ábrese unha xanela de terminal onde só tes que ir respondendo: busca o port el só (~/Games e os sitios habituais) e pregúntache en cal das copias o pon; escribe o número e preme Intro. Se o tes noutro sitio, escolle «0» e indícalle a carpeta do port.
  5. Abre o xogo: xa sae en galego (e, co paquete con dobraxe, tamén con voces galegas). O idioma tamén se cambia en Axustes, na pantalla do título.
  6. Para volver ao inglés: dobre clic en desinstalar.sh.

O instalador pon language = gl e allow_loose_files = 1 no config.cfg do port (o segundo fai falta para a portada, as imaxes e as voces). Non precisa internet nin sudo. Para cambiar dun paquete ao outro, instala o novo por riba. Vale tamén a versión de Windows do port funcionando con Wine. Se o dobre clic abre o texto do ficheiro en vez de executalo (pasa en GNOME), fai clic dereito nel e escolle executalo como programa, ou abre unha terminal na carpeta e escribe bash instalar.sh.

Xogáchela enteira?

Axuda a probala

Se rematas o xogo con esta tradución, avísanos: así sabemos que se xogou de principio a fin e onde, e a ficha pode levar o selo «probada por humanos».

Onde o xogaches?

Ábrese GitHub co formulario xa cuberto: só tes que revisalo, engadir unha captura do final se queres e premer Create. Precisas unha conta de GitHub (é de balde).

Comentarios

Para comentar precísase unha conta de GitHub (é de balde). Os comentarios gárdanse no foro do proxecto.

Fai correr a voz

Se coñeces a alguén ao que lle poida prestar xogar a Silent Hill en galego, pásalle esta páxina. Abonda cun clic.